O doutor Glas, Hjalmar Söderberg

15,50 

O doutor Glas é un discreto médico cuxa sosegada —e un tanto monótona— vida vén alterar a visita da fermosa Helga Gregorius á súa consulta. Casada cun pastor moito máis vello ca ela e a quen non ama, Helga non é quen de seguir aturando as esixencias sexuais do seu marido e, desesperada, recorre ao doutor. A petición de Helga sitúa o doutor ante todo un conflito moral que vai debullando no diario que constitúe a novela, no que se fai preguntas sobre cuestións tan actuais como os dereitos da muller, o adulterio, o aborto e mesmo o homicidio.

Publicada orixinalmente en 1905, a obra de Söderberg provocou unha gran polémica na Suecia de principios do s. XX por poñer sobre a mesa temas que aínda hoxe nos revolven e que converten esta noveliña en todo un clásico das letras nórdicas.

Sobre o autor

Hjalmar Emil Fredrik Söderberg naceu o 2 de xullo de 1869 en Estocolmo, nunha familia de funcionarios. Tras un breve paso pola universidade, comezou a escribir no xornal Svenska Dagbladet aos vinte anos. Aínda que nunca deixou de exercer o xornalismo, tamén escribiu obras dramáticas e teolóxicas, e ficción narrativa, tanto breve como extensa. En 1895 publicou Förvillelser, a súa primeira novela.

O doutor Glas (1905) é a súa terceira novela e está considerada a súa obra mestra, se ben suscitou unha gran polémica no seu tempo por tratar temas como o adulterio, os dereitos da muller, o aborto ou a eutanasia. Considerado un dos mellores escritores da literatura sueca, destacou pola súa capacidade de observación da cidade que o viu nacer, así como pola súa exploración da melancolía do seu tempo e por un traballo case de filigrana á hora de crear personaxes. Moi crítico en cuestións políticas, nos seus últimos anos de vida escribiu enerxicamente contra o nazismo no diario sueco da resistencia.

Finou o 14 de outubro de 1941 en Copenhague.


Primeiras páxinas de O doutor Glas, de H. SöderbergPreme nas lentes para ler as primeiras páxinas.


 

  • ISBN: 978-84-126247-3-1.
  • 192 páxs.; 128 x 198 mm.
  • Encadernación rústica, cosida, con lapelas.
  • Tradución de David Á. Álvarez Martínez.
  • Deseño de cuberta: Carlos Valdés.
  • Deseño e maqueta: Irmás Cartoné.
Carriño da compra
O doutor Glas, Hjalmar Söderberg
15,50