Jane Eyre, de Charlotte Brontë

26,00 

Orfa e rexeitada polos parentes a quen se lles encomendou o seu coidado, Jane Eyre pasa nos seus primeiros anos dunha casa hostil a un internado. Alí, con todo, consegue unha boa educación e, tras un tempo exercendo de profesora, marcha para traballar de institutriz na espléndida mansión do señor Rochester. A vida por fin parece sorrirlle, pero algo terrible espreita no faiado de Thornfield Hall.

Publicada por primeira vez en 1847 baixo o pseudónimo Currer Bell, Jane Eyre obtivo un éxito inmediato e supuxo toda unha revolución na narrativa, converténdose nun dos grandes clásicos indiscutibles da literatura universal. En Jane Eyre, Charlotte Brontë non só tece unha narración apaixonante e chea de peripecias que leva namorado xeracións enteiras de lectores, senón que introduce unha perspectiva novidosa para o seu tempo ao relatar toda a trama desde o punto de vista de Jane, no que moitos autores consideran o primeiro exemplo de fluxo de conciencia. Todo un fito literario que chega por primeira vez ao galego da man de Irmás Cartoné.

Sobre a autora

Terceira dos seis fillos do pastor protestante Patrick Brontë e da súa muller Maria, Charlotte Brontë (1816–1855) foi a máis vella da tríade de irmás autoras de grandes obras clásicas da literatura inglesa. Aos cinco anos quedou orfa de nai e ficou ao coidado, xunto coas súas irmás e irmán, dunha tía materna. Aos oito anos, foi enviada a un internado xunto con tres das súas irmás (Emily, Maria e Elizabeth). Alí morreron un ano despois de tuberculose Maria e Elizabeth, mentres que Emily e Charlotte regresaron á casa paterna.

De 1835 a 1838, traballou de profesora nun internado, ao tempo que escribía as súas primeiras obras breves e poemas. Entre 1839 e 1841, traballou de institutriz con varias familias, coas que nunca se sentiu ben tratada. En 1842, viaxou coa súa irmá Emily a Bruxelas para aprender francés coa idea de montar o seu propio internado. Porén, ao seu regreso a Inglaterra, abandonaron o proxecto. En 1846, Charlotte, Emily e Anne autopublicaron un poemario conxunto baixo os pseudónimos Currer, Ellis e Acton Bell do que só venderon dous exemplares.

Charlotte tratou de publicar, sen éxito, The Professor, a súa primeira novela, que aparecería postumamente en 1857. En 1847, asinando novamente como Currer Bell, conseguiu editor para Jane Eyre. Cumio indiscutido dunha escasa produción, á que só se sumarían Shirley (1848) e Villette (1853), aínda hoxe é considerada unha obra mestra que cambiou as letras anglosaxoas para sempre.

Faleceu de tuberculose o 31 de marzo en 1855, un ano despois de casar co reverendo Arthur Bell Nicolls.


Primeiras páxinas de Jane Eyre, de C. BrontëPreme nas lentes para ler as primeiras páxinas.


 

  • ISBN: 978-84-126247-4-8.
  • 640 páxs.; 128 x 198 mm.
  • Encadernación rústica, cosida, con lapelas.
  • Tradución de Celia Recarey Rendo.
  • Deseño de cuberta: Carlos Valdés.
  • Deseño e maqueta: Irmás Cartoné.
Carro da compra
Jane Eyre, de C. BrontëJane Eyre, de Charlotte Brontë
26,00