- ISBN: 978-84-129042-5-3.
- 200 páxs.; 128 x 198 mm.
- Encadernación rústica, cosida, con lapelas.
- Tradución do italiano de María Alonso Seisdedos.
- Deseño de cuberta: Carlos Valdés.
- Deseño e maqueta: Irmás Cartoné.
Maria Zef, de Paola Drigo
16,50 €
Maria Zef é unha humilde rapazola friulana que percorre vilas e aldeas vendendo cacharros de cociña coa súa nai e a súa irmá pequena. O traballo é duro, pero Mariutine afróntao con alegría e afouteza. Porén, a prematura morte da nai lánzaa de súpeto a unha terrible vida adulta.
Considerada hoxe a gran novela de referencia do Novecento, Maria Zef retrata con tanta dureza como mestría un mundo no que reina a opresión masculina e calquera forma de redención social é unha utopía. Unha novela fermosísima que atrapa desde as primeiras liñas.
Sobre a autora
Paola Drigo naceu no norte de Italia en 1876. Filla dun conde partidario de Garibaldi e neta dun membro do parlamento italiano, foi a primeira muller que estudou no Liceo Canova de Treviso, e completou a súa formación na Scuola Normale de Padua.
En 1898 casou co enxeñeiro Giulio Giovanni Drigo, con quen tivo varios fillos, aínda que só sobreviviu o primeiro, Paolo. A familia Drigo vivía entre Roma, en cuxos salóns literarios Paola era ben coñecida, e Mussolente, poboación do norte de Italia á que se retirarían de xeito permanente ao inicio da Primeira Guerra Mundial.
En 1912, Paola comezou a publicar relatos e novelas breves na revista La Lettura, e en 1913 publicou o seu primeiro libro. En 1936 publicou as súas dúas únicas novelas, entre as que destaca Maria Zef. Pasou os seus últimos anos de vida en Padua, onde morreu en 1938.
Considerada representante do verismo tardío e moi influída polas grandes personalidades da literatura italiana do seu tempo (sobre todo por Giovanni Verga, Luigi Capuana e Edmondo de Amicis), na obra de Drigo destaca unha fonda preocupación social, aspecto que trata cunha serena lucidez non exenta de tenrura cara aos seus sólidos personaxes femininos.
Preme nas lentes para ler as primeiras páxinas.