- ISBN: 978-84-121470-9-4 .
- 200 páxs.; 128 x 198 mm.
- Encadernación rústica, cosida, con lapelas.
- Tradución de Celia Recarey Rendo.
- Deseño de cuberta: Carlos Valdés.
- Deseño e maqueta: Irmás Cartoné.
Kyra Kyralina, de Panait Istrati
15,00 €
Kyra Kyralina é a primeira novela do romanés Panait Istrati, coa que inicia o ciclo dos relatos de Adrien Zograffi. Nela, como unha Sherezade balcánica, o narrador vai debullando a historia de Stavro, un salepgiu romanés que vaga polo mundo á procura de Kyra, a súa irmá perdida.
Sobre o autor
Fillo dunha lavandeira e dun contrabandista grego a quen non coñeceu, Panait Istrati nace na cidade romanesa de Braila en 1884. Sen máis formación académica que a escolarización até os 13 anos, traballa desde moi novo e exerce todo tipo de oficios —reposteiro, pintor, criador de porcos, fotógrafo, zapateiro, porteiro de hotel, vendedor ambulante—, ao tempo que viaxa por Europa e Oriente Medio.
En 1921, tras unha longa estadía nun sanatorio suízo para tratar unha tuberculose persistente, Istrati vese na indixencia. Con 36 anos, cun segundo fracaso matrimonial e sen recursos, decide suicidarse nun parque de Niza. Ao ser atendido no hospital, atópanlle no peto unha carta dirixida ao Nobel Romain Rolland, por quen o romanés sente unha grande admiración. A carta chega ao escritor, que descobre nela un talento narrativo extraordinario e se converte en padriño literario de Istrati.En 1923, publica Kyra Kyralina, a súa primeira novela, coa que inicia o ciclo dos relatos de Adrien Zograffi. O éxito é inmediato e Istrati coñece a fama en toda Europa con esta e coas súas seguintes obras. Porén, a bonanza dura apenas unha década, pois Istrati pasa a ser deostado polos mesmos intelectuais socialistas que o apoiaron e admiraron cando, tras unha visita á Unión Soviética, expresa publicamente a súa decepción e denuncia as prácticas stalinistas.
Novamente só, regresa a Braila en 1935, onde falece en abril dese mesmo ano.
Preme nas lentes para ler as primeiras páxinas.