- ISBN: 978-84-129042-4-6.
- 144 páxs.; 128 x 198 mm.
- Encadernación rústica, cosida, con lapelas.
- Tradución do xaponés de Gabriel Álvarez Martínez.
- Deseño de cuberta: Carlos Valdés.
- Deseño e maqueta: Irmás Cartoné.
Rashōmon e outros relatos, de Ryūnosuke Akutagawa
14,50 €
Un samurai sen amo que pensa en entregarse ao crime, un sacerdote budista atormentado polo tamaño do seu nariz, un garda de palacio namorado dunha dama casada, un pintor que recibe unha peculiar encarga, unha moza que acode a un baile cheo de dignitarios estranxeiros e un matrimonio que é asaltado nun bosque preto de Toquio son os protagonistas desta presada de relatos, entre os que se atopan algúns dos máis emblemáticos do seu autor.
Sobre o autor
Pai do relato moderno xaponés, Ryūnosuke Akutagawa naceu o 1 de marzo de 1892 en Irifune, no barrio de Kyōbashi, en Toquio. A enfermidade mental da nai, manifestada pouco despois de nacer el, levaría á súa adopción por parte dun tío materno, e marcou a súa vida toda.
Refuxiado desde neno na lectura, coñecerá de primeira man os clásicos chineses e xaponeses, así como autores occidentais da altura de Baudelaire, Strindberg, Poe, Tolstoi ou Wilde.
En 1913, comezou a estudar literatura inglesa na Universidade Imperial de Toquio. En 1914, na revista Shinshichō, que revivira con compañeiros de estudos, empezou a publicar a súa obra. Foi noutra revista literaria onde publicaría «Rashōmon», o seu segundo relato. A crítica negativa dos seus compañeiros causoulle unha crise da que só conseguiría saír tras visitar o seu ídolo Natsume Sōseki. Ese encontro e os eloxios que Sōseki lle dedicou fortaleceron a súa vocación. Os seguintes relatos que publicou foron ben acollidos pola crítica; ao longo da súa vida, escribiu máis de cento cincuenta. Ambientados nos diferentes períodos da historia xaponesa (Heian, Edo e Meiji), os seus relatos actualizan temas clásicos e episodios históricos, non sen influencias occidentais.
Unha viaxe á China para traballar de reporteiro provócalle numerosos problemas de saúde que, sumados a un fráxil equilibrio mental, o levan, tras anos de reclusión, ao suicidio en 1927, á idade de trinta e cinco anos.
Preme nas lentes para ler as primeiras páxinas.