O ganso salvaxe, de Mori Ogai

14,50 


Otama é unha moza humilde á que as circunstancias e o desexo de coidar do seu ancián pai empurran a aceptar ser a concubina dun bedel convertido en usureiro. Okada é un gallardo estudante de medicina cuxos paseos o levan con frecuencia por onda a nova residencia de Otama. O destino, a casualidade e as convencións sociais levarán a que unha e outro se observen, se acheguen e se afasten nunha historia onde o que non se chega a dicir —e o que non chega a suceder— expresa tanto como todo o dito.

Escrita entre 1911 e 1913 e publicada inicialmente por entregas, O ganso salvaxe é a obra máis coñecida de Mori Ogai. Cun estilo moi persoal, a novela suma unha mesurada contención lírica e un coidadísimo respecto pola humanidade dos seus personaxes. É por esta obra polo que o autor, xunto con Natsume Soseki, é valorado como o verdadeiro artífice da creación literaria moderna en xaponés.

Sobre o autor

Mori Ogai é o pseudónimo de Mori Rintaro (Tsuwano, 1862-Toquio, 1922). Nacido na época Edo (1603-1868), herdou do seu pai o cargo de médico militar, profesión na que chegaría a acadar grandes honores como cirurxián, aínda que tamén destacou como escritor. Foi precisamente a súa formación médica a que o levou a Alemaña, onde estudou de 1884 a 1888 e entrou en contacto coa literatura occidental.

Ao seu regreso a Xapón, encargouse de traducir as obras occidentais máis salientables do momento (Goethe, Schiller, Ibsen…), contribuíndo así á introdución do romanticismo europeo no seu país. Promotor dunha gran renovación literaria, esforzouse por fusionar as formas xaponesas e o alento europeo.


Preme nas lentes para ler as primeiras páxinas.


 

  • ISBN: 978-84-121470-2-5.
  • 176 páxs.; 128 x 198 mm.
  • Encadernación rústica, cosida, con lapelas.
  • Tradución de Gabriel Álvarez Martínez.
  • Deseño de cuberta: Carlos Valdés.
  • Deseño e maqueta: Irmás Cartoné.
Carriño da compra
O ganso salvaxe, de Mori Ogai
14,50