- ISBN: 978-84-942570-9-4.
- 244 páxs.; 128 x 198 mm.
- Encadernación rústica, sen lapelas.
- Tradución de Carlos Valdés.
- Deseño de cuberta: Carlos Valdés.
- Deseño e maqueta: Irmás Cartoné.
O día da lagosta, de Nathanael West
13,00 €
Ante os ollos desencantados de Tod, un pintor chegado a California en busca de inspiración, desfilan personaxes estrafalarios ansiosos por atopar o seu sitio no soño de ouropel hollywoodense: Faye, bela aspirante a actriz e bailarina, sempre a piques de rematar no prostíbulo; Harry, pai dela, artista de vodevil nas últimas; Homer Simpson, en recuperación tras sufrir un ataque de nervios… Todos eles baten coas forma de vida libertina e dispendiosa dos triunfadores, xerando unha atmosfera abafante tinguida de desesperación que só pode concluír en violencia.
O día da lagosta está considerada a mellor novela xamais escrita sobre a industria cinematográfica. Ambientada no Hollywood dos anos trinta, durante a Gran Depresión, a obra amosa a crúa realidade do soño americano.
Sobre o autor
Nado nunha familia de emigrantes lituanos enriquecidos no negocio inmobiliario, Nathanael West (1903-1940) entrou na universidade de Brown grazas ao expediente académico dun seu curmán. Alí dedicouse a ler e licenciouse polos pelos. Despois pasou uns meses de flâneur en París, traballou na construción e tentou facerse millonario fabricando lambetadas, até que atopou traballo de guionista en Hollywood. Morreu nun accidente de automóbil xunto con súa muller en 1940.
Preme nas lentes para ler as primeiras páxinas.