- ISBN: 978-84-129042-9-1.
- 352 páxs.; 128 x 198 mm.
- Encadernación rústica, cosida, con lapelas.
- Tradución do inglés de Carlos Valdés e Celia Recarey.
- Deseño de cuberta: Carlos Valdés.
- Deseño e maqueta: Irmás Cartoné.
O axente secreto, de Joseph Conrad
18,50 €
Na súa vida diaria, o señor Verloc é propietario dun comercio no Soho, mais baixo esa máscara de normalidade agóchase un axente provocador que, a soldo dunha embaixada, finxe ser membro dun grupo revolucionario. Cando, obrigado polo seu xefe, se ve envolto nun complot terrorista para poñer unha bomba no observatorio de Greenwich e desacreditar así os anarquistas, os acontecementos descontrólanse e o que parecía ser unha historia sinxela acaba zarrapicando políticos, policías, diplomáticos estranxeiros e a sociedade elegante de Londres na máis escura e sorprendente das conspiracións. Verloc deberá afrontar entón as repercusións dos seus actos.
Unha historia sobre terrorismo, espionaxe e política, con todos os selos distintivos do seu autor: unha linguaxe escollida e poética, e unha fonda exploración psicolóxica de personaxes que só poderían ser obra dun talento irrepetible.
Sobre o autor
Nado co nome de Jozef Teodor Konrad Nalecz Korzeniowski en 1857, o autor hoxe considerado un dos mellores novelistas en lingua inglesa, non aprendeu a falar inglés con fluidez até os vinte anos. Naceu en Ucraína, nunha familia nobre polaca vida a menos. Orfo aos once anos, Joseph quedou ao coidado do seu tío, quen lle permitiu viaxar, aos dezaseis anos, a Marsella para embarcar como mariñeiro.
Escribindo en pleno apoxeo do imperio británico, baseouse nas súas experiencias nas mariñas mercantes francesa e británica para crear narracións que reflectían aspectos de determinada orde mundial e sondaban as profundidades da alma humana.
En 1878, Conrad desembarcou por primeira vez no Reino Unido. Nos anos seguintes, emprendería diversas viaxes, que inspirarían, entre outras obras, O corazón do negror (1902), a súa novela máis aclamada. En 1886 obtivo a cidadanía británica e adoptou oficialmente o nome de Joseph Conrad.
Abandonou o mar de mala gana en 1894, en parte por mala saúde e en parte porque decidiu centrarse na súa carreira literaria. As súas novelas sentarían as bases da reputación de Conrad como narrador romántico de relatos exóticos, etiqueta que o frustraría o resto da súa vida.
En 1907 publicou O axente secreto, obra que destaca na súa novelística polo tema político e por estar ambientada exclusivamente en Londres; hoxe é considerada un brillante estudo sobre o terrorismo e unha das mellores novelas do autor.
En 1924, rexeitou a oferta de ser nomeado cabaleiro británico e morreu meses despois dun ataque ao corazón. Está enterrado en Canterbury co seu apelido orixinal, Korzeniowsk.
Preme nas lentes para ler as primeiras páxinas.




