- ISBN: 979-13-990947-4-9.
- 224 páxs.; 128 x 198 mm.
- Encadernación rústica, cosida, con lapelas.
- Tradución do francés de Beatriz Fariñas Garrote.
- Ilustración de cuberta: Carlos Valdés.
- Deseño e maqueta: Irmás Cartoné.
Gobernadores do resío, de Jacques Roumain
17,00 €
«Imos morrer todos», así comeza Gobernadores do resío, coas palabras desesperadas que unha seca persistente lle arrinca á nai do protagonista. Ese é o estado da xente e da terra á que regresa Manuel tras anos emigrado en Cuba, e del loitará por sacalos a ambos, buscando a auga pero buscando tamén reparar os vencellos rotos durante a súa ausencia.
Publicada en 1944, Gobernadores do resío é xa por dereito propio un clásico da literatura haitiana e un referente da literatura suramericana, admirada por autores como Juan Rulfo ou Nicolás Guillén. Unha novela sobre a loita cotiá dun pobo contra as circunstancias adversas que o asedian desde fóra pero tamén contra as adversidades que nacen dentro del.
Sobre o autor
Jacques Roumain naceu en 1907 en Porto Príncipe, no seo dunha familia burguesa implicada en política (o seu avó, Tancrède Auguste, foi presidente do país). Estudou até a secundaria en Haití e rematou os seus estudos en Europa. En 1927, de volta en Haití, fundou La Revue indigène, onde publicou poesía e as súas dúas primeiras novelas, Les Fantoches e La Montagne ensorcelée.
En 1934, fundou o hoxe extinto Partido Comunista Haitiano. Exiliado en Europa en 1936, pasou por Bélxica, Francia, Cuba e EE. UU., e fixo amizade cos poetas Nicolás Guillén, quen escribiría unha sentida elexía á súa morte, e Langston Hughes, grande admirador seu e primeiro tradutor ao inglés de Gobernadores do resío anos despois.
En 1941, puido regresar por fin ao seu país e fundou o Instituto de Etnoloxía da República de Haití. Ao ano seguinte, aceptou un posto diplomático en México, onde viviu o seu maior momento creativo. Alí, o 7 de xullo de 1944 rematou Gobernadores do resío, cumio da súa produción novelística. Tamén neses anos compuxo o poemario Bois d’Ébène, publicado xa postumamente.
Tras unha breve visita a Cuba para ver os seus camaradas, faleceu en Porto Príncipe o 18 de agosto de 1944 por causas descoñecidas, aínda que sempre houbo sospeitas de envelenamento.
Preme nas lentes para ler as primeiras páxinas.





