- ISBN: 978-84-129042-8-4.
- 232 páxs.; 128 x 198 mm.
- Encadernación rústica, cosida, con lapelas.
- Tradución do inglés de Carlos Valdés.
- Deseño de cuberta: Carlos Valdés.
- Deseño e maqueta: Irmás Cartoné.
Canto máis negra é a amora…, de Wallace Thurman
17,00 €
A pel de Emma Lou Morgan é negra, tanto que lle provoca tristeza e humillación non só na comunidade maioritariamente branca da súa cidade natal de Boise (Idaho), senón tamén entre a súa familia e amizades, de pel máis clara. Na procura dun círculo onde a acepten, aos dezaoito anos deixa o fogar familiar e viaxa primeiro a Los Angeles e despois a Nova York, onde nun Harlem en plena efervescencia atopa unha vibrante escena de clubs, salóns de baile, festas, amoríos… e, aínda así, o rexeitamento tamén da súa propia raza.
Wallace Thurman recrea maxistralmente unha época e un lugar lendarios con gran riqueza de detalle, describindo a vida social e sentimental de Emma Lou, así como os seus soños e as súas desilusións, e a transcendental decisión que toma para sobrevivir.
Sobre o autor
Nado en Utah en 1902, Wallace Thurman foi un dos escritores máis activos do Renacemento de Harlem. Abandonado polo pai un mes despois de nacer, criouse coa nai e a avoa. A súa infancia quedou marcada pola soidade, a inestabilidade familiar e as doenzas, que supuxeron ademais un obstáculo para a súa educación.
Lector empedernido desde cativo, pasou por dúas universidades sen graduarse, e traballou de reporteiro e de columnista para varias publicacións dirixidas aos lectores negros.
A amizade co escritor Arna Bontemps levouno a Harlem, onde se instalou en 1925. Alí comezou a escribir e en 1926 converteuse no editor do diario The Messenger, o primeiro en publicar a figuras como Langston Hughes. Involucrado na creación de varias revistas, coñeceu a maioría dos autores do Renacemento de Harlem, cos que deseguida comezaron os desacordos sobre a función da arte dos creadores negros. Thurman disentía da tendencia maioritaria dentro do movemento, que parecía querer demostrarlles aos brancos que os negros non eran inferiores. Para aglutinar a obra doutros artistas negros da súa opinión, fundou a revista literaria Fire!, que desafiaba a idea de que a arte negra debía buscar a aprobación dos brancos, defendendo que só debería amosar a realidade da vida afroamericana.
En 1929 Thurman publica Canto máis negra é a amora…, obra innovadora por centrar a atención nos prexuízos de cor dentro da propia comunidade negra e por tratar abertamente e por primeira vez a homosexualidade.
Thurman morreu de tuberculose aos trinta e dous anos, tras publicar varias obras de teatro, artigos e novelas.
Preme nas lentes para ler as primeiras páxinas.




