Canas ao vento, de Grazia Deledda

17,00 

Do esplendor doutro tempo non resta na casa das nobres irmás Pintor máis que o seu teimudo orgullo e a lealdade inquebrantable de Efix, o seu criado, que se esforza día e noite por manter o pouco que sobrevive da facenda. A chegada do aposto Giacinto, fillo da menor das irmás, Lia, que fuxiu da casa paterna moitos anos atrás, fará acordar novamente dores, paixóns e culpas que parecían esquecidas.

Publicada en 1913, Canas ao vento é a novela máis popular de Grazia Deledda, e unha mostra perfecta da «escrita de inspiración idealista» pola que recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1926, caracterizada, segundo a Academia sueca, pola «claridade plástica [con que] retrata a vida da súa illa natal» e a «profundidade e compaixón [con que] trata os conflitos humanos en xeral».

Sobre a autora

Grazia Deledda naceu na illa de Sardeña o 27 de setembro de 1871, no seo dunha familia de clase media. De formación autodidacta —só foi á escola primaria—, comezou a escribir e publicar moi nova e publicou o seu primeiro relato sendo aínda adolescente. En 1890, publicou o seu primeiro libro, Nell’azzurro, unha colección de relatos. A súa primeira novela, Fiori di Sardegna, veu a luz dous anos despois, en 1892. Durante a seguinte década, seguiu publicando e afianzando gradualmente a súa carreira literaria.

En 1900, casa e múdase a Roma, onde ten dous fillos, Sardu (1901) e Francesco (1904), mais a vida familiar non interrompe a súa prolífica actividade. En 1903, publica Elias Portolu, novela que lle dá o impulso definitivo, pois con ela acada o aplauso da crítica e o éxito comercial. Tras este, chegan moitos outros títulos, entre os que destacan L’edera (1908) e Canas ao vento (1913), a máis popular das súas obras.
En 1926, recibe o Premio Nobel de Literatura por toda a súa obra. É a segunda muller en recibir este galardón, despois da sueca Selma Lagerlöf. Falece dez anos despois, en 1936, á idade de 64 anos.


Primeiras páxinas de Canas ao vento, de G. DeleddaPreme nas lentes para ler as primeiras páxinas.


 

  • ISBN: 978-84-126247-1-7.
  • 272 páxs.; 128 x 198 mm.
  • Encadernación rústica, cosida, con lapelas.
  • Tradución de María Alonso Seisdedos.
  • Deseño de cuberta: Carlos Valdés.
  • Deseño e maqueta: Irmás Cartoné.
Carriño da compra
Cuberta de Canas ao vento, de Grazia DeleddaCanas ao vento, de Grazia Deledda
17,00