- ISBN: 978-84-129042-7-7.
- 144 páxs.; 128 x 198 mm.
- Encadernación rústica, cosida, con lapelas.
- Tradución do italiano de María Alonso Seisdedos.
- Deseño de cuberta: Carlos Valdés.
- Deseño e maqueta: Irmás Cartoné.
A casa do calello, de Maria Messina
15,00 €
Antonietta, filla dun labrego endebedado, casa con don Lucio, un usureiro acredor de seu pai. A súa irmá máis nova, Nicolina, acompáñaa no seu traslado á cidade para que non se sinta soa na súa nova vida, pero o que nun principio ía ser unha curta estadía convértese nunha longa e abafante convivencia en que ambas as irmás se ven sometidas á férrea autoridade de don Lucio.
Maria Messina narra cunha mestría que o seu redescubridor, Leonardo Sciascia, comparou coa da mestra neozelandesa Katherine Mansfield o sufocante ambiente en que viven as dúas irmás protagonistas, totalmente sometidas á autoridade masculina e incapaces de concibir a posibilidade doutro destino. Unha pequena alfaia das letras italianas que, tras deslumbrar no momento da súa publicación orixinal, ficou esquecida durante décadas, mais que, como todo verdadeiro clásico, logrou reencontrarse co público nos últimos tempos. Porque a boa literatura sempre renace.
Sobre a autora
Nada en Sicilia en 1887, deseguida se trasladou coa súa familia a Messina, onde Maria pasou unha infancia illada. Por causa da profesión do pai, inspector escolar, a familia viviu en diversas localidades do centro e do sur de Italia, até que en 1911 se estableceu en Nápoles. Gran parte da formación de Maria foi autodidacta, e foi o seu irmán máis vello quen a animou a escribir.
Aos vinte e dous anos, comezou unha intensa relación epistolar con Giovanni Verga, a máxima figura do verismo, quen foi o seu mentor e posibilitou a publicación da segunda novela breve da siciliana, Luciuzza, en 1914. Antes publicara series de relatos en diversas revistas e a novela La Mèrica, que lle valeu o premio Medaglia d’Oro en 1912.
Viviu durante anos en Mistretta, na provincia de Messina, onde se ambientan moitas das súas narracións, e concentrou a súa obra en temas como o illamento e a opresión das mozas sicilianas, así como nos vínculos emocionais entre homes e mulleres.
Considerada hoxe como unha das escritoras italianas máis importantes de principios do século xx, Maria Messina foi moi admirada por escritores da altura de Giuseppe Antonio Borgese ou Leonardo Sciascia, quen promoveu a súa redescuberta en 1980.
Morreu en Pistoia en 1944, aos cincuenta e sete anos, aínda que deixara de escribir en 1928, impedida pola esclerose múltiple.
Preme nas lentes para ler as primeiras páxinas.




