‹   Volver

E agora que, homiño?

Hans Fallada

21,50 €

COMPRAR

  • FICHA

    - ISBN:  978-84-948421-9-1

     

    - 488 páxs.

     

    - 128 x 198 mm.

     

    - Encadernación rústica, cosida, con lapelas.

     

    - Tradución de Patricia Buxán Outeiro.

     

    - Deseño de cuberta: Carlos Valdés.

     

    - Deseño e maquetación: Irmás Cartoné.

     

  • SOBRE O AUTOR

    Nado en 1893 no seo dunha familia de clase acomodada, Hans Fallada chamábase en realidade Rudolf Ditzen. Aínda que a súa orixe parecía augurar unha vida doada, as cousas comezaron a torcerse bastante cedo. En 1909, con dezaseis anos, sofre un grave accidente de tráfico e apenas un ano despois contrae o tifo. A dor física provocada por estes problemas de saúde e o conseguinte tratamento farmacolóxico derivan nunha adicción á morfina, á que pronto se irán sumando outras substancias.

     

    As adiccións e depresións que comeza a padecer nesta época serán unha constante na súa vida e levarano a cometer varios intentos de suicidio, aos que adoitan seguir ingresos psiquiátricos e mesmo algunha temporada no cárcere. É nun dos seus ingresos psiquiátricos cando Fallada comeza a dedicarlle tempo á escrita e á tradución.

     

    En 1920, publica a súa primeira novela, Der junge Goedeschal, iniciando así unha carreira literaria que cobrará notoriedade en 1931 coa publicación de Bauern, Bonzen und Bomben e alcanzará o éxito nacional e internacional con E agora que, homiño?

     

    No entanto, este éxito, se ben serve para mellorar a situación económica do autor, non supón unha mellora cualitativa da súa vida, pois, aínda que nun inicio evita ser perseguido abertamente polo réxime nazi (ningún dos seus libros é considerado perigoso abondo para a orde establecida), Fallada vive con ansiedade o ascenso de Hitler ao poder.

     

    Capeando como pode o temporal hitleriano, Fallada logra vivir da escrita durante toda a súa vida, que remata prematuramente en 1947, aos 53 anos, debido a unha enfermidade coronaria derivada da súa longa adicción ao alcohol e os estupefacientes.

  • SOBRE O LIBRO

    Johannes Pinneberg é un ninguén de ningures, un simple empregado de comercio que acaba de casar e trata de abrirse camiño nun mundo cuxa hostilidade vai medrando a un ritmo que o noso malpocado protagonista apenas é quen de seguir.

     

    Escrita en 1932, xusto antes de que os nazis accedesen ao poder, E agora que, homiño? ofrécenos un vívido retrato da realidade social da Alemaña previa á guerra, e posúe a extraordinaria virtude de captar con precisión un momento moi particular da Historia e de como a viviron no seu momento as xentes de a pé.

     

    * Preme nas lentes para ler as primeiras páxinas.

TAMÉN ESTAMOS AQUÍ

SOBRE AS IRMÁS

Irmás Cartoné é unha pequena editora independente dedicada á tradución ao galego de textos clásicos da literatura universal.

Máis ›

FALA CON NÓS

 

info@irmascartone.com

 Theme design by MuseLayers.